InicioEn ProfundidadeAlfredo Llano, alcalde de Burela: "Retirarlle as competencias como área sanitaria á...

Alfredo Llano, alcalde de Burela: “Retirarlle as competencias como área sanitaria á Mariña é algo para min inxustificable”

Alfredo Llano dirixe a corporación de Burela, un dos concellos máis dinámicos da comarca. A confluencia de diferentes culturas, linguas e nacionalidades, sumada ao peso no sector da pesca e á instalación doutros sectores empresariais, conforman un municipio cunha personalidade moi propia. Alfredo Llano cre na necesidade de fortalecer os servizos públicos, con especial interese no tren. Todo isto para crear un tecido laboral seguro e digno para a xente máis nova.

Publicada o

- Advertisement -

-A COVID deixa unha fonda pegada na sociedade en xeral, mais cal é a avaliación que fai desde o seu posto de alcalde dunha das vilas máis grandes e un dos concellos máis poboados da Mariña?

Á parte de ser unha aprendizaxe constante pola súa irupción, pois a pandemia veu frear de maneira radical todo canto se estaba facendo ata 2019. Houbo que adaptarse a ela e facer todo aquilo que garantira a seguridade sanitaria e isto viuse mesmo na Casa do Concello e outros edificios colindantes en cuestións organizativas e materiais con elementos de sinaléctica. Alén diso, considero que o Concello de Burela actuou ben e de maneira coordinada fronte a pandemia xunto coas autoridades sanitarias e de orde pública, tendo en conta que foi unha das vilas máis afectadas pola COVID na Mariña, sobre todo en xullo de 2020, un momento duro. Esta suma de causas condiciona inevitablemente todo o demais e chegado o momento en que podes respirar cun pouco de tranquilidade, tentas buscarlle solucións aos problemas saídos do coronavirus. Súmalle a estas cuestións o día a día que debe afrontar unha entidade municipal. Aquí fixéronse obras en todo canto se puido. Logo todo canto era organizar eventos, mesmo destinar axudas a entidades para a súa dinamización, iso desapareceu, e logo tamén organizar algo dentro dos límites impostos pola legalidade sanitaria tamén influíu moito no desenvolvemento da mecánica municipal.

-As políticas da Xunta de Galicia relacionadas coa reorganización das áreas sanitarias e en concreto no que respecta ao Hospital da Costa, foi determinante na taxa de COVID no seu concello?

Sobre os brotes en si mesmos, esa política de reorganización creo eu que moito non influiu. O que si defendo é unha área sanitaria propia para a Mariña, porque o feito de retirarlle as competencias como área sanitaria é algo para min inxustificable, porque viña funcionando perfectamente. Baséome tamén nas características da comarca para demandar esa área sanitaria propia. Somos dezaseis concellos con 75.000 habitantes en total máis a xente que vén no verán, temos industrias de peso como pode ser Alcoa, como estaleiros e outras actividades de risco que demandan ter unha área sanitaria propia. Antes ou despois temos que recuperar a área sanitaria e así o demandaremos de maneira constante. Houbo casos de COVID derivados a Lugo e ao mellor se puideron atender aquí, mais tamén a área de Atención Primaria podería estar máis coordinada. O traballo dos profesionais sería máis doado de coordinar tendo área sanitaria propia.

-A economía de Burela está vinculada ao seu porto. O contexto sanitario tampouco debeu ser moi favorable ao tráfico portuario.

Debemos indicar que o sector do mar cumpriu con todas as súas obrigas de aportar subministro ao mercado de peixe. Certo é que o ritmo de traballo no máis duro da pandemia non foi o mesmo, mais a constancia da frota pesqueira permitiu fornecer de alimento ao mercado interno e tamén externo a Burela. As vendas si baixaron en sectores como restauración ou hostalaría, con esa caída da demanda os prezos baixaron, iso non impediu, insisto, o traballo constante dos barcos pesqueiros, por tanto, a lonxa estivo sempre fornecida. A responsabilidade da frota pesqueira, non só de Burela senón de toda a comarca, foi implicarse para non ter desabastecido o mercado.

Antes ou despois temos que recuperar a área sanitaria e así o demandaremos de maneira constante

-No resto de tecido económico burelés, como a construción ou a conserva, estase sentindo algún efecto positivo, algún movemento que delate o comezo dunha actividade máis dinámica despois dun ano?

Timidamente xa se está deixando sentir esa recuperación da actividade. Agora mesmo estamos en festas, máis ben nunha lembranza de que deberamos estar nelas, con isto quero indicar que xa hai máis presenza de xente en restaurantes, tamén persoas de fóra. Aínda así segue a verse a pegada da COVID sobre a vida individual porque foi restando confianza entre as persoas. Debemos ser cautos, desde logo debemos aprender do que aconteceu e debemos ir recuperando paso a paso a situación anterior, insisto, sendo responsables para recuperarmos o optimismo.

-Como se desenvolven as festas de Burela este ano?

Pois levamos adiante un programa para lembrar que deberamos estar en festas presenciais e non como é agora, con limitación de aforos. Tivemos o pregón, unha actuación musical no Auditorio con número limitado de persoas. Houbo unha sesión vermú cunha banda de Foz e outra de aquí. O sábado día 5 de xuño farase unha alfombra floral desde a igrexa até a praza do concello que tamén está iluminada para estas festas. Non haberá procesión por cuestións sanitarias, mais si haberá pasarrúas, o domingo día seis iremos cantar a Salve ao Barco Museo, todo para dicir que estamos en festas dunha maneira testemuñal. É unha mágoa porque este ano serían unhas festas moi merecidas para celebrarmos a responsabilidade que asumiu toda a poboación durante a pandemia.

A responsabilidade da frota pesqueira, non só de Burela senón de toda a comarca, foi implicarse para non ter desabastecido o mercado

-Hai uns anos recuperáronse unhas pinturas murais na Igrexa da Vila do Medio datadas entre os séculos XVI e XVII. Á parte da recuperación destas mostras patrimoniais, Burela está realizando algunha tarefa encamiñada á recuperación e posta en valor do patrimonio histórico do concello?

Empezaría polo patrimonio xeolóxico e as rutas que temos deseñado en base a el. Desenvolvemos unhas rutas de sendeirismo circular moi visitadas e que son algo máis de 16 quilómetros. Grazas a esta acción imos recuperando zonas como a do río Pomeda e o muíño que había nesta área e que tentaremos reconstruír e crearmos rutas para explicar como baixaba a xente moer. Tamén o Barco Museo para nós é un activo importante dentro do conxunto patrimonial, pois é unha mostra da pegada social e económica da pesca neste lugar. Xunto a isto están os castros e a presenza romana descuberta cerca do porto coa aparición dun hipocausto. As pinturas da Vila do Medio xa se poden visitar en base a uns horarios de verán con visitas concertadas.

-Burela é unha vila aluvión a onde chegaron persoas primeiro de todos os concellos de arredor, logo chegaron persoas doutras comunidades autónomas, despois comunidades caboverdianas e por último latinoamericanas. Como se mantén a cohexistencia entre comunidades tan diversas?

Pois levando unha vida totalmente normalizada dándolle importancia e respetanto a cada unha das nacionalidades que viven aquí. Non debemos esquecer un dato, aquí tivemos mesmo corenta e dúas nacionalidades diferentes. Hoxe en día a caboverdiana é a máis numerosa con case un 10% da poboación e xa vai pola cuarta ou quinta xeración. Esta amálgama de nacionalidades dá unha singularidade especial a unha vila do tamaño de Burela. É certo que non se misturan moito, mais isto non quita o respecto mutuo entre as diferentes comunidades, cousa fundamental para levar adiante un modelo de convivencia único. Somos o único lugar, ata onde eu sei, cunha área municipal dirixida única e exclusivamente á inmigración. Incorporamos servizos de psicoloxía para afrontar cuestións derivadas da adaptación. Por último, a área educativa ten unha especial importancia para fortalecer os lazos de convivencia a partir dos valores impartidos desde a escola.

-Isto reflíctese no padrón de residentes?

O número de habitantes segue subindo, agora máis timidamente que antes, por iso digo que temos a pirámide perfecta. A idade media vén sendo entre 41 e 42 anos e por tanto podemos sinalar que a nosa poboación é moi nova. Outro dos fenómenos peculiares de Burela é vermos un gran número de nenos e nenas, fillos tanto das familias inmigrantes como das non inmigrantes. Insisto que o crecemento xa non é tan elevado como antes, así e todo, o número de nacementos é superior ás defuncións.

-Coa activación dos Fondos Next Generation, teñen proxectos preparados para fomentar o asentamento de novas empresas, de ampliar o tecido económico e empresarial no concello?

Nós xa facemos iso con ou sen fondos. Non sei até que punto poderán os concellos xestionar parte desas achegas europeas. Desde aquí estamos tentando integrar a vida económica coa vida natural para termos un lugar atractivo e ben conservado, unha integración entre o medioambiente e a poboación. Agora mesmo estamos inmersos nunha serie de dez proxectos encamiñados á mellora mediambiental, funcional e a diminución de niveis de contaminación. Isto debera asentarse en todos os concellos, unha forte conciencia arredor do cambio climático e as súas consecuencias. Por outra parte, podo dicir que estamos facendo un traballo de busca activa para o asentamento de novas empresas no noso termo municipal, isto non quita traballar para a consolidación das xa instaladas. O obxectivo final é afincar poboación facendo o máis atractiva posible Burela para que a xente teña un proxecto de vida aquí ademais de ter un emprego. Arredor destes puntos tamén está a mellora da calidade de vida en canto servizos municipais. Dentro dese campo debemos ter culminado en 2023 a nova EDAR, traballamos na mellora dos campos de fútbol e no pabellón de deportes.

Non debemos esquecer que aquí tivemos mesmo corenta e dúas nacionalidades diferentes

-A mellora na calidade de vida tamén se liga ás vías de comunicación para desprazamentos tanto de persoas como mercadorías. Burela a día de hoxe está ben comunicada coas diferentes liñas de estradas e vías ferroviarias?

Defendo firmemente manter a liña ferroviaria e por iso, durante a última reunión con representantes de Adif e Renfe en Moeche, mostramos a nosa intención de que este servizo público se manteña coas mellores condicións. Eles tiñan o discurso da falta de demanda por cousa da pandemia, pode ser certo, mais agora debemos recuperar todos os servizos que había antes. Nós temos defendido un tren de cercanías desde O Vicedo e Ribadeo que estaría xustifcado por atender un número de poboación importante de traballadores e estudantes. Defendemos tamén os trens turísticos que hai tempo paraban en todas as vilas aportando un importante número de visitantes. Por todo isto, creo que defender o tren é fundamental pois no futuro será un servizo imprescindible e sendo un servizo público debemos defendelo. En relación ao transporte por estrada, había unha empresa de autobuses que atendía os enlaces praticamente de toda a Mariña cun funcionamento perfecto cunha cadencia dunha hora. Tamén considero necesario recuperar este tipo de comunicación. E ollo tamén cos autobuses a Lugo e Santiago, porque creo que é necesario revisar os horarios.

Estamos facendo un traballo de busca activa para o asentamento de novas empresas no noso termo municipal xunto coa consolidación das xa instaladas

-Que obxectivos a maiores lle gustaría ter materializados polo menos esta lexislatura?

Primeiro, favorecer á mocidade en relación ao emprego. A xente nova é a máis afectada colateralmente dunha situación que non debera darse como é a crise económica. Considero moi necesario favorecer que a xente nova encontre o seu lugar. Os movementos económicos e sociais serán posibles se a mocidade é protagonista. Isto poderá terse con formación adaptada ás novas necesidades sociais, a FP debe ser fundamental o mesmo que os bacharelatos. O segundo punto a calidade dos postos de traballo e terceiro, favorecer o emprendemento dos máis novos para integrarse no mundo laboral con salarios decentes e horarios xustos. Debemos traballar nese sentido, no de apoiar á xente nova. Se non se dá un paso nese sentido, iremos por mal camiño.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...